Noticias
comentarios lamatumba - 12-Xaneiro-2012 - 18:22:31
QUE VOS CONTEN OS QUE SABEN, OU SEXA, NÓS. OS DE FORA DAN TABACO.
Pasaron trece anos dende que un grupo de amigos se xuntou para porlle música ás súas inquedanzas. Neses trece anos pasaron un montón de persoas por ese grupo, pasaron miles de cousas, unhas boas, outras non tanto. O que nun principio non pasaba de ser un divertimento acabou convertíndose nun barco que comezou a navegar por centos de mares, centos de portos nos que tomar terra e baixar a coñecer sitios, atopar xente, facer bos amigos e, porqué non decilo, dar con algún que outro elemento pouco recomendable (algún hai que aínda nos debe cartos, e non poucos precisamente…).
Hoxe, trece anos despois, parece incríble que ese barco nos levara por mares de todo o estado, que a marea nos fixera chegar a compartir a nosa equipaxe musical con xente que estaba no irmán Portugal, en Francia, en Alemania…
Tivemos o grande pracer de compartir singladura cun bo feixe de compañeiros de camiño, xente da que aprender moitísimo, xente coa que tomar un tróspiro despóis de tocar, coa que botar unhas risas, coa que compartir o enorme privilexio que é poderse adicar á profesión máis bonita do mundo.
E unha das cousas máis satisfactorias de toda esta historia é que todo esto foi posible en galego, que cando alguén nos preguntaba se ao atravesar o “telon de grelos” traduciamos as letras para cantalas en español, a nosa resposta era un rotundo non.
En poucos sitios estivemos por aí fora nos que non aparecera cando menos un galego, e se un concerto noso era unha excusa para que os galegos do lugar se xuntaran a botar unhas pezas e armar unha boa festa o traballo era máis satisfactorio aínda.
Pois ben, tras trece anos de singladura, o noso barquiño precisa de pasar unha temporada no dique seco, para facer algunha reparación, para remendar as velas, e para que a tripulación poida descansar un pouquiño a neurona, que, aínda que non o pareza, ben que ten que traballar a pobriña dela neste choio.
Esta non é unha despedida, é un ata pronto, porque en ningún momento se está a falar de pechar o chiringuito. Simplemente imos tomar un descansiño para facer outras cousas, tomar outros rumbos quen lle apeteza, e cargar pilas ata que algún de nós, entre caña e caña, entre batallita e batallita, solte aquela de “qué rapaces, quedamos mañá para ensaiar?”, e xa estea liada outra vez.
De todos xeitos gracias, millóns de gracias a toda a xente que durante estes trece anos estivo con nós, tanto arriba como abaixo do palco. Bailando con nós, rindo con nós, suando con nós, compartindo con nós este traballo marabilloso.
E tede ben clara unha cousa, amenazamos con voltar cando menos o esperedes.
Vémonos nos torreiros.
(E mentras chega ese momento tende por seguro que algo faremos, porque o bicho da música, cando pica, pica ben forte, e pode ser un bo momento para coller unha caixa de gaseosas e empezar a facer experimentos, a ver que sae, que seguro que algo ha sair.
Seguiremos informando… ;))
comentarios lamatumba - 16-Septembro-2011 - 20:00:22
É BONITO...
Este verán xa vos dixemos que ía ser tranquilo. Realmente foi tranquilo en canto a número de concertos, pero en canto á intensidade deles de tranquilo non tivo nadiña de nada. E temos que decir que bonito. É bonito, en especial cando son poucas veces, reunirse no local a cargar a fregoneta. É bonito percorrer kilómetros cando sabes que vas facer algo que é o que máis che gusta. As probas de son bonitas, o que se di bonitas non son, máis ben un pouco/bastante tostón, aínda que algún hai que ata bota de menos paparse tres horas ao sol escoitándolle ao Carnota o seu característico “siolajéi”, que ese si que se bota de menos (a quén se lle ocurriu chamarlle “ruido rosa” a semellante ruido infernal…). É bonito o agarimo con que nos trata a xente que nos chama para tocar na súa vila (ese pedazo de café de pota que foron facer ás súas casas dúas señoras de Maniños porque a cafeteira do bar estaba apagada; esa xente da organización de Ferreira de Pantón, que conseguen facer un festival cada ano mellor; ese ron de Viveiro que era o mellor no ano… , e efectivamente o era;) ). É bonito o formiguillo que entra no bandullo cando comeza a soar o noso amigo Zorba e vos empezamos a escoitar antes de subir ao palco. É bonito vernos de novo, porque moitas veces nos vemos de novo caras que están aquí, alá, acolá e coas que da gusto compartir unha cervexa antes ou despóis do concerto. É bonito ver a marea de brazos moverse no San Benitiño. É bonito oirvos cantar o Licor Café (licorka non, por favor, un respecto á bebida nacional ;)). É bonito ter o privilexio de poder vivir todo esto. E por riba de todo, o máis bonito é botarnos de menos. Porque nós a vós botámosvos de menos, e é o máis bonito de todo ver que vós, algúns de vós tamén nos botades de menos a nós, e iso non hai master card nin farrapo de gaita que o pague.
Aínda quedan cousiñas que facer neste último tramo de ano, algunha delas ben apetitosa, xa vos imos adiantando. Namentras, seguimos a botarvos de menos, esperamos que vós a nós tamén, aínda que sexa un pouquichiño de nada. Gracias mil por estardes aí.
Seguiremos informando…
comentarios lamatumba - 25-Xullo-2011 - 21:52:24
DATAS AGOSTO
15 AGOSTO, VIVEIRO
20 AGOSTO, FESTIVAL DO CASTRO, FERREIRA DE PANTÓN
27 AGOSTO, MANIÑOS (FENE)
Seguiremos informando...
comentarios lamatumba - 12-Xullo-2011 - 19:05:30
CALMA, CALMA...
E vos estaredes preguntando, ónde andan estes tipejos que no se lles ve por ningures (¿nalgures?)?. Pois o certo é que este ano vai ser un verán tranquilo, ímolo tomar con algo de calma. Un dos motivos é que temos ao noso cantante enrrolado no elenco do CDG, uséase o Centro Dramático Galego, representando polos teatros de Galicia e máis aló a “Ópera dos tres reais” de Bertolt Brecht, acompañando a Luis Tosar e un bo feixe de actores-cantantes, actrices- cantantas, cantantos actroces... etc. Se a eso lle engadimos que este ano calquera que queira organizar un festival, concerto, festa de exaltación do pincho moruno, ou o evento que queirades o ten complicado (que non hai un can, vaia), a cousa é ben sinxela. Rapaces, este ano hai que tomalo con calma, e tocaremos pouquiño, pero tocaremos, non vos preocupedes. En poucos dias vos informaremos das datas, así que estade atentos, que este verán apareceremos onde menos o esperedes (pero avisareeeemos, caaaaalma). Namentras vos deixamos o enlace do resumo que fixo o noso amigo Pixelín da edición deste ano do Derrame Rock, no que estivemos rodeados do melloriño do rock estatal e parte do extranxeiro.
http://www.youtube.com/watch?v=hqp9OUXRhFI&feature=player_embedded
Para ir facendo boca, seguiremos informando...
comentarios lamatumba - 23-Xuño-2011 - 17:52:32
O VERÁN MÁIS QUENTE
http://www.festivalderramerock.com
seguiremos informando...
